13 nov. 2006

The ghosts you draw on my back




As pantasmas que ti debuxaches nas miñas costas. Que ti e todos debuxastes. Tatuastes para nunca esquecer. Hai días que paso o dedo sobre as cicatrices deténdome en cada luar para lembrar mil palabras, mil feridas, mil risas, bicos, conversas... E hai días que o simple roce da xema causa a dor máis profunda, polo que subo a camisa e me acurruco na bufanda. Son cicatrices na carne e por moito que mude de pel sempre seguirán aí para recordarme quen son eu.
Levo días intentando evadirme de min mesma pola simple razón de que vexo que non podo aturar a dor, de que vexo que hai cousas de min que se esvaen e non o podo evitar, de que teño que priorizar e non sei que pór primeiro, de que quero querer e son cobarde, de que quero falar e trémanme as pernas, de que quero mellorar e fágoo peor, de que teño medo de caer no pozo e non dar saído. Levo días sen estar comigo. E esa, para ben e para mal, son eu.

1 commentaire:

O gardador de xanelas a dit…

As cicatrices, para ben, están aí, para lembrarche o por que delas. Mudar de pel non conleva borrar as cicratrices, conleva a crialas. As cicatrices son parte nosa, e dinnos quen somos.
Porén, os días maus, os días de querer e non poder, de querer facer e non saber, de que chove unha maina poalla no noso corazón, eses días, eses maus días, pasan, e déixanche sempre, sempre, un ollar limpo, un sorriso fresco; e por iso, só por iso, paga a pena ter maus días.