8 janv. 2007

Hai veces que as coincidencias parecen querer dicir algo. E hoxe cando entrei na sala Eva cantaba o meu sentir. Fiquei sentada, sen parar, escoitando, e unha bágoa escorreu meixela abaixo. Eva abriu feridas.
Intento manter a coraza pechada fortemente sobre o peito para que nada, nada, poida mancar. Pero hai incertidumes que a destrozan. Outra vez.
Despois de dous meses de espera, de non saber, de tensión, de ilusión, as dúbidas alleas condúcenme outra vez a mil inseguridades. Sen unha explicación que me axude, atópome de novo coma o funambulista sobre o fío, intentando gardar o equilibrio sen rede baixo os pés. O meu fráxil equilibrio.
Volvo a escapar, de min, de ti, de todo e todos. Quero fuxir a cidades de pontes sobre ríos, á soidade de ríos que destrozan pontes. Busco refuxio no traballo e nas vidas alleas, cansa de vivir as miñas mil vidas que nunca ningunha se cumpre.
Non espero nada de ninguén e tampouco confío en palabras ditas. Non agardo máis que a calor do edredón na noite. Non busco consolo, non busco nada.
Pero teño que morder a lingua, respirar profundo, desliar o nó da gorxa e pendurar baixo o nariz o sorriso. É o que me queda.
Un pequeno amago de suicidio.

Aucun commentaire: