
Por cuestións da vida ultimamente non fago máis que pensar sobre todo aquilo que me levou a ser hoxe son e sobre todo a pensar nas paisaxes da miña infancia. Por cuestións da vida unha parte da realidade tanxible deses recordos morreu e esvaeceuse. E outra parte corre tamén o risco de desaparecer. Non sei se son quen de aceptalo.
Navegando pola rede atopei un fado e non puiden máis que lembrar eses espazos, case segredos, nos que gastei horas e horas xogando e remexendo. Era un recuncho que gardaba algo de misterio, para min non deixaba de ser algo descoñecido, porque a pesar de pasar alí tardes enteiras nunca me atrevía a sobrepasar unha liña, unha liña marcada por algún xoguete, algunha caixa ou simplemente a luz da lámpada que se debilitaba tenuemente para crear monstros imperceptibles que se agochaban detrás de algo. Era unha habitación longa e estreita que rodeaba toda a casa e tiña portas ocultas. Era como unha grande caixa de segredos, hoxe de innumerables recordos. E hoxe teño medo de perdela.
No decorrer da nosa existencia non temos outra que ir deixando cousas no camiño, non podemos levar todo connosco, temos que facer de tripas corazón e desbotar cousas que nalgún momento foron importantes para nós. É doloroso e necesario. Pero hai cousas que son imposibles de deixar.
1 commentaire:
o vinculo cara o faiado non funciona, mais coñezo as portas para entrar
non quero sair
Enregistrer un commentaire