
Alguén me dixo hai unhas noites que o que lle pasa a Felipe nesta tira é parte do seu encanto, e como a el a min tamén me ocorre. Non podo máis que rir e cuestionar.
Onte pola noite todo o mundo estivo de acordo en repetirme unha e outra vez que para triunfar hai que arriscar.
Levo días ríndome de min mesma e convencéndome de que non podo repetir erros xa cometidos. Levo noites producindo na miña cabeza unha película. Repito escenas unha e outra vez intentado mellorar cada detalle. E creo que xa é o momento da estrea. Con alfombra carmín, coma en Hollywood.
Incluso cheguei a contratar uns sicarios para efectuar o traballo suxo, pero ao final decidín que non, mellor que non actúen, porque prefiro ser eu quen poña as cartas sobre a mesa. Agardo que lean isto antes de que sexa demasiado tarde.
E se non acontece nada, se o espectáculo non ten a acollida desexada, polo menos durmirei tranquila porque sei que apostei todo o que tiña.