26 nov. 2006

Al lugar donde has sido feliz...


no debieras tratar de volver. Debo repetírmelo: al lugar donde has sido feliz no debieras tratar de volver, al lugar donde has sido feliz no debieras tratar de volver,al lugar donde has sido feliz no debieras tratar de volver,al lugar donde has sido feliz no debieras tratar de volver,al lugar donde has sido feliz no debieras tratar de volver,al lugar donde has sido feliz no debieras tratar de volver...

19 nov. 2006

Sin riesgo no hay gloria II


Le souvenir


Por cuestións da vida ultimamente non fago máis que pensar sobre todo aquilo que me levou a ser hoxe son e sobre todo a pensar nas paisaxes da miña infancia. Por cuestións da vida unha parte da realidade tanxible deses recordos morreu e esvaeceuse. E outra parte corre tamén o risco de desaparecer. Non sei se son quen de aceptalo.
Navegando pola rede atopei un fado e non puiden máis que lembrar eses espazos, case segredos, nos que gastei horas e horas xogando e remexendo. Era un recuncho que gardaba algo de misterio, para min non deixaba de ser algo descoñecido, porque a pesar de pasar alí tardes enteiras nunca me atrevía a sobrepasar unha liña, unha liña marcada por algún xoguete, algunha caixa ou simplemente a luz da lámpada que se debilitaba tenuemente para crear monstros imperceptibles que se agochaban detrás de algo. Era unha habitación longa e estreita que rodeaba toda a casa e tiña portas ocultas. Era como unha grande caixa de segredos, hoxe de innumerables recordos. E hoxe teño medo de perdela.
No decorrer da nosa existencia non temos outra que ir deixando cousas no camiño, non podemos levar todo connosco, temos que facer de tripas corazón e desbotar cousas que nalgún momento foron importantes para nós. É doloroso e necesario. Pero hai cousas que son imposibles de deixar.

15 nov. 2006

Para triunfar hay que arriesgar


Alguén me dixo hai unhas noites que o que lle pasa a Felipe nesta tira é parte do seu encanto, e como a el a min tamén me ocorre. Non podo máis que rir e cuestionar.
Onte pola noite todo o mundo estivo de acordo en repetirme unha e outra vez que para triunfar hai que arriscar.
Levo días ríndome de min mesma e convencéndome de que non podo repetir erros xa cometidos. Levo noites producindo na miña cabeza unha película. Repito escenas unha e outra vez intentado mellorar cada detalle. E creo que xa é o momento da estrea. Con alfombra carmín, coma en Hollywood.
Incluso cheguei a contratar uns sicarios para efectuar o traballo suxo, pero ao final decidín que non, mellor que non actúen, porque prefiro ser eu quen poña as cartas sobre a mesa. Agardo que lean isto antes de que sexa demasiado tarde.
E se non acontece nada, se o espectáculo non ten a acollida desexada, polo menos durmirei tranquila porque sei que apostei todo o que tiña.

14 nov. 2006

Ilusións

Yann Tiersen - La rade

Os pequenos praceres de cada día. Beber o zume de laranxa á mañá. Escoitar o reloxo da igrexa cantar as horas. Rir cos amigos. E emocionarse coa música.
A pequena ilusión de abrir o celofán, pór o disco no lector, premer o botón de play, subir o volume e deixarse levar. Levar e voar. Voar e soñar.
A sinxeleza dos sons que que baixan pola gorxa ata deterse no corazón, apretándoo fortemente e enchendo de tanta emoción a túa alma que desbordan bágoas dos ollos.
Xa me tarda o paquete.

13 nov. 2006

The ghosts you draw on my back




As pantasmas que ti debuxaches nas miñas costas. Que ti e todos debuxastes. Tatuastes para nunca esquecer. Hai días que paso o dedo sobre as cicatrices deténdome en cada luar para lembrar mil palabras, mil feridas, mil risas, bicos, conversas... E hai días que o simple roce da xema causa a dor máis profunda, polo que subo a camisa e me acurruco na bufanda. Son cicatrices na carne e por moito que mude de pel sempre seguirán aí para recordarme quen son eu.
Levo días intentando evadirme de min mesma pola simple razón de que vexo que non podo aturar a dor, de que vexo que hai cousas de min que se esvaen e non o podo evitar, de que teño que priorizar e non sei que pór primeiro, de que quero querer e son cobarde, de que quero falar e trémanme as pernas, de que quero mellorar e fágoo peor, de que teño medo de caer no pozo e non dar saído. Levo días sen estar comigo. E esa, para ben e para mal, son eu.

6 nov. 2006

Baixo a sombra de Dylan



Del só sei catro letras, unha copa de licor café e o fetichismo duns beizos carmín.